A Unión de Cooperativas de Ensino e traballo Asociado de Galicia, UCETAG, foi fundada no ano 1988 entre cooperativas de ensino de toda Galiza, fundamentalmente nos niveis de EXB, BUP, educación infantil e formación profesional. Naqueles momentos loitábase pola obtención de sistemas de financiamento do ensino por parte da Administración.
Máis adiante, incorpóranse máis centros e afróntase a reforma educativa. Neste tempo, ademais dos concertos negócianse subvencións aos investimentos en infraestruturas tan necesarios para adaptarse á nova normativa.. Nesta etapa conseguíronse en conxunto subvencións por importe de máis de 100 millóns de pesetas.
A partir do ano 94, a estratexia da UCETAG é sumar esforzos co conxunto das cooperativas galegas, en especial coas de traballo asociado doutros sectores de actividade, xa que se teñen con elas moitas necesidades comúns. Promóvese a creación da Federación de Cooperativas Sinerxia, coa cal se comparten servizos de asesoramento fiscal, contable e xurídico adaptados ás particularidades da fórmula cooperativa, así como actividades de formación nos ámbitos de xestión empresarial e de organización societaria que son tamén comúns.
No ámbito específico do ensino, representa ao sector nas negociacións coa Administración, sindicatos e patronal, reivindicando o seu espazo propio como entidades da economía social.
Na segunda década dos anos 90 a UCETAG acada un grao de representatividade do 80%, o máis alto de todas as unións de cooperativas, acollendo á práctica totalidade das cooperativas de ensino do sector regrado.
O cambio de século trae tres novidades fundamentais:
✗A orientación ao crecente número de cooperativas da educación infantil, que foron xurdindo a
raíz da implantación de servizos municipais neste ámbito.
✗O traballo conxunto na valorización dunha identidade propia, a través da creación de materiais educativos para a aula en torno ao cooperativismo e os seus valores.
✗O afondamento en obxectivos con repercusión máis especificamente empresarial: comercialización conxunta de campamentos de verán, asesoramento en materia de seguros, informática, elaboración de software de xestión organizativa escolar, deseño dun programa integral de calidade...
En todos estes anos a UCETAG tamén serviu como ventá das cooperativas cara outras experiencias e comunidades, favorecendo o intercambio e traballo conxunto entre cooperativas e estando presente en UECOE (Unión Española de Cooperativas de Enseñanza) e, a través desta, en CEPES (Confederación Empresarial Española de la Economía Social).
Liñas de acción no ámbito sectorial de ensino
A UCETAG integra actualmente a 28 cooperativas de ensino galegas. As liñas de traballo nas que está marcado con carácter específico o sector de ensino son:
Representación diante da Administración Pública e defensa dos intereses e do valor diferenciador das cooperativas
Esta liña de traballo é especialmente importante se temos en conta a gran dependencia de fondos públicos de case todas as cooperativas (moi poucos casos traballan de forma privada), sexan estes fondos da Consellería de Educación, sexan da Administración Local.
A presenza nas mesas de negociación, como sector diferenciado a respecto da patronal e dos sindicatos, garante a visibilidade do sector cooperativo e a toma en consideración das súas necesidades e virtualidades específicas.
A UCETAG defende para o mundo do ensino os valores que son propios ao cooperativismo, como a democracia, a igualdade, o compromiso coa comunidade, etc., procurando valorizar e garantir estes valores naqueles espazos de negociación onde as cooperativas se xogan recursos.
Información e asesoramento en materia de lexislación educativa, trámites, etc.
A traxectoria da UCETAG, o estudo continuado das diferentes normativas educativas, a presenza nas mesas de negociación, o contraste con outras realidades do Estado, a recollida das diferentes problemáticas canalizadas por cada cooperativa... sitúa á unión en condicións excepcionais para apoiar ás cooperativas socias. Esta é unhas das liñas de acción principais que descarga a cada cooperativa dunha importante función de actualización permanente.
Elaboración conxunta de materiais didácticos sobre cooperativismo.
Trátase de reforzar a identidade e valorizar a fórmula cooperativa na propia actividade educativa. Vense traballando para diferentes niveis educativos, coa edicións de materiais (cómic, unidades didácticas...) así como na elaboración dun proxecto curricular en materia cooperativa para primaria.
Melloras na xestión empresarial e busca de economías de escala.
Pendente dos retos das cooperativas de ensino no ámbito empresarial (fundamentalmente no aforro de custos e na captación de financiamento complementario), a UCETAG procura unir ás cooperativas para poñelas en mellores condicións de posibilidades: campamentos de verán, seguros, servizos adaptados, etc.
Ámbito da educación infantil
Constitúe un reto da UCETAG cumprir nas cooperativas de educación infantil o mesmo papel de apoio que vén desenvolvendo no ensino regrado dependente da Consellería de Educación. Na actualidade conta xa con cooperativas asociadas que xestionan centos educativos de titularidade municipal. Defende o acceso á xestión destes centros en prioridade de condicións a respecto de empresas que non son da economía social. Busca apoiar ás cooperativas na consecución das mellores condicións para prestar servizos de calidade garantindo tamén a calidade do emprego.
Liñas de acción en común con outras cooperativas
Existen unha serie de aspectos nos que as cooperativas de ensino comparten problemáticas con outras cooperativas de traballo asociado. Por exemplo, as dificultades de acceso a financiamento, a falta de formación en xestión empresarial, a carencia dun referente claro de organización interna a nivel societario, as condicionantes que marca a Lei de Cooperativas de Galicia por exemplo na contratación de persoal asalariado, etc.
A través da súa participación na Federación de Cooperativas Sinerxia, a UCETAG presta apoio nestas áreas en coordinación coas unións de cooperativas de traballo asociado.
Representación no COGACO ( Consello Galego de Cooperativas)
No COGACO debátense todas as accións de apoio ao cooperativismo da Consellería de Traballo.
Apoio á mellora da Xestión
Moitas cooperativas estamos formadas por profesionais do mesmo oficio, e non contamos con persoal especializado na xestión empresarial. Iso pode repercutir negativamente na marcha da cooperativa. Contamos con varios programas, buscando a gratuidade para as cooperativas:
✗Programa de apoio á función xerencial
✗Acompañamento para a realización de Plans de Mellora
✗ Acompañamento para a realización de Plans de Sostenibilidade e Responsabilidade Social Cooperativa
✗Formación
Programas de acceso a financiamento
Temos detectado que as entidades financeiras póñennos máis condicionantes para acceder a préstamos ou pólizas que as que teñen outras empresas. Por iso estamos impulsando varias liñas:
✗Financiamento alternativo, a través da creación de Coop57 en Galicia, que é unha cooperativa de servizos financeiros que capta aforro persoal e o inviste en cooperativas.
✗A creación, en colaboración coa Administración, de liñas específicas de fondos de garantía e capital risco para cooperativas.
✗SUBSCRIPCIÓN DUN CONVENIO DE COLABORACIÓN CON CAIXANOVA
Apoio para implantar modelos cooperativos de organización
As persoas que constituímos as cooperativas non sempre temos referentes claros de cómo corresponsabilizarnos, tomar decisións democraticamente, organizar o traballo de forma eficiente, etc.
En moitas ocasións o noso papel como persoas socias e o noso papel de traballadoras se confunde. Algunhas liñas que temos son:
✗Elaboración, xunto co COGACO, do estatuto do socio-traballador, onde tratamos de clarificar os dereitos e deberes que nos son propios
✗Formación e acompañamento
✗Materiais didácticos
Asesoramento legal
Existen poucos avogados e avogadas que coñezan ben o cooperativismo. Nós temos contactado con algúns deles e contamos cos seus servizos especializados. Tamén asesoramos en trámites, normativa básica, estatutos, regulamentos internos, altas e baixas de socias, etc.
Acompañamento a novos proxectos
Os inicios dos proxectos cooperativos (na fase previa á creación e no primeiro ano) son vitais para a súa viabilidade. Nós tratamos de buscar liñas de apoio e profesionais moi cualificados e especializados en cooperativas para acompañar con maiores garantías os novos proxectos.
Acceso a concursos públicos
As veces a dimensión pequena das cooperativas non lles permite acceder a concursos públicos. Nós traballamos en dúas liñas aquí:
✗Procurar que se valore o feito de ser cooperativa como elemento positivo á hora de adxudicar proxectos.
✗Unir a diferentes cooperativas para que poidan acceder xuntas a concursos, gañando capacidade e dimensión.
Formación
Á formación para a mellora da xestión, centrada nas necesidades e especifidades do cooperativismo a través de:
✗A elaboración de materiais didácticos acaídos.
✗A Formación continua para persoas socias e traballadoras mediante a teleformación.
✗As xornadas de intercambio de experiencias e monográficas de temáticas de interese para o sector.
Promoción das cooperativas
O cooperativismo é pouco visible socialmente. Entre as nosas funcións está a de visibilizar e promocionar as cooperativas e a súa contribución ao desenvolvemento social e económico. Facémolo a través de:
✗Directorio de cooperativas socias, en formato impreso e tamén na rede en
http://www.sinerxia.org/directorio/index.html
✗Directorios nos portais das asociacións de enlace coas web das cooperativas.
✗Acceso á páxina de intercooperación www.intercooperar.com
✗Participación de feiras, mostras, e foros de debate.
Elaboración de materiais
As entidades imos asumindo a edición de diferentes materiais co obxecto de valorizar experiencias, favorecer a súa difusión e apoiar procesos formativos.
Servizo de Información
Sobre liñas de axuda que poden ser de interese para as cooperativas, encontros, feiras, cambios na normativa, contactos, etc